3.9.2 Replegue e reorientación política
Encetamos con este apartado a segunda etapa da
actividade política do P.G., caracterizada pola reconsideración da
sua táctica anterior e o conseguinte reaxuste, todo elo nun momento
político adverso, cal foi o segundo bienio.
A derrota electoral sufrida polo P.G. traera
consigo decisivas consecuencias para a vida deste partido. Pero, de
entrada, nun comprensible reflexo de autodefensa, o P.G. trata de
amosarse oficialmente intacto, minimizando a importancia real do revés.
Alude ós simulacros de eleccións, as actuacións caciquís e
pucheirazos habidos en moitas partes, de maneira que non se podía
considerar que o electorado expresara con autenticidade o seu desexo (387).
De feito, Castelao e Picallo trasládanse a Madrid coa intención de
impugnar as eleccións ante a Comisión de actas, pero as actas foron
aprobadas sen que se lles permitira falar (388). Alude ademais o P.G. á
pouca conciencia dos galegos: «Nuestro país [...] no ha llegado
aún a penetrarse de lo que le conviene y a adquirir conciencia de sus
propios problemas» (389). Estaba tamén a cuestión de que o P.G.
aceptara o risco de comparecer a unhas eleccións plantexadas en termos
de dereitas e esquerdas, sen querer aliñarse en ningún dos dous bandos.
Segundo a sua análise, saeu perxudicado por aceptalo corpo electoral a
devandita dicotomía polarizándose por un dos polos:
«Galicia por presión allea, por un
esvairse da sua postura autóctona, por un deixarse ir polo canle dunha
falsa situación, decidiuse por unhas das correntes, enrolouse na
vaciedade híbrida do dereitismo hespañol» (390) |
No seu esforzo por restar importancia á
derrota sinala a satisfactoria cifra de sufraxios obtidos, 106 mil «limpa e lexitimamente acadados» a pesares dos
«vergoñentos fraudes dos suplantadores da vontade popular» (391). Ademais o P.G. aproveitou a
campaña para sementa-lo ideal
nacionalista e despois de todo, como sinala Víctor Casas: «adequeriu agora unha experiencia e unha
enseñanza proveitosa»
(392), e ainda que derrotado, o foi en menor proporción que os outros
partidos republicanos (393). Abondando nisto considera con esforzado
optimismo que os resultados electorais desfixeran a tódolos partidos
republicanos a excepción do socialista e do galeguista; xustifica esta
afirmación referida ó P.G., en que a sua misión non se limitaba a
conquerir nunhas eleccións un número maior ou menor de deputados, de
xeito que «a sua actuación múltiple en outros ordens, ademais do
estrictamente político, permítelle ficar a salvo de calquer
continxencia eleitoral» (394). Noutra parte, o mesmo Casas, habitual
comentarista político do P.G., pon de manifesto a crise e desercións
que se rexistraban nos partidos republicanos, pero non no P.G., que vía
como medraba o número de afiliados, e se mantiñan incólumes os ánimos
dos seus militantes, até o punto que considera chegado o momento de
relanza-lo partido (394 bis). Terá que pasar tempo para que o P.G. recoñeza que as eleccións do novembro de 1933 foron
un desastre sen paliativos (395). Pero cando o acedo sabor da derrota que ademais postergaba
«sine die» o plebiscito estaba ainda vivo, todo se volveu
chamadas a que non cunda o desalento e incitacións a incrementa-lo
proselitismo e maila propaganda (396). De feito, lánzase a unha campaña de
afiliación e propaganda, celebrando a primeiros de nadal un mitin en
Faramontaos, onde quedou constituido un novo Grupo, ó que seguirian
novos actos como o de Vilariño (397). Pero esta «fuxida cara
adiante» logo topou co atranco do estado de prevención que
limitaba as libertades. (398)
De portas adentro, a valoración que fai
Bóveda, e que dende logo era compartida por un bo número dos seus
compañeiros de partido, era ben outra (399). O dirixente galeguista
constata que a postura seguida deita entón polo P.G., consistente en
manterse neutral nas loitas da política española era un empeño vano.
Rindese a evidencia de que as tales pugnas ventilabanse tamén en
Galicia, cousa que xa constatara antes, pero é agora, cando ten
ocasión de comprobar que tódala campaña de denuncia das
inconsecuencias das forzas republicanas serviu para que se aproveitasen
dela as dereitas, para trocarense despois nos: «nosos piores
nemigos e o que aínda é pior nos nemigos máis encarnizados de
Galicia o do seu Estatuto». Desta analise tira como conclusión
que o P.G. necesitaba sair do seu aillamento, e xa que compría
establecer alianzas estas debían ser coas esquerdas, dado que elas
foron quen fixeran posible o réxime de autonomías. Esta sinceira
autocrítica de Alexandre Bóveda, marcaba unha nova orientación, que
levaba consigo a conversión do P.G. nun partido de masas, e que
consagraría a sua III Asamblea. Sucedeu, en efecto, que a xestión da
coalición gobernante en orde a resolver os problemas de Galicia distou
de ser satisfactoria. E o P.G., coa sua política de denuncia que fora
«in crescendo» a medida que pasaba o tempo e se achegaban as
eleccións, contribuíra a incrementa-lo descontento na opinión
pública, que deu un espectacular viraxe na primeira ocasión. «El
Pueblo Gallego» á hora de establecer responsabilidades (400)
na
derrota, refírese a que as esperanzas e aspiracións de Galicia quedaran defraudadas: o caciquismo non fora descoallado, non se
resolvera o problema ferroviario, nin o dos foros, aranceis, gandeiría,
autonomía, etc. Ademais non se concedera o decreto de bilingüísmo e
consentírase o bloqueo monetario de América. A onda de descontento
así xenerada arrastrou ós partidos que tiveran responsabilidades de
poder, e ainda a aqueles outros que a pesares de realizaren unha
esclarecedora laboura galega no Parlamento «tiveron tangencia con
aquela desventurada gestión gubernamental» (401). A alusión ó P.G.
era ben clara. Polo demais, o P.G. como tódalas forzas derrotadas,
tivo serios problemas para afrontar o pago dos gastos derivados da campaña
electoral (401 bis).
Por outra banda, o P.G. recibe o ofrecimiento
de Irujo, elixido deputado polo PNV, de servir de portavoz dos
galeguistas no Parlamento (402). O propio tempo «A Nosa
Terra» escomenza a admitir publicamente que o tema
feixismo-antifeixismio, no candieiro en España, afecta tamén a Galicia
(403). Nalgunhas vilas e cidades escomenzaban a xurdir pequenos
fatos de xóvenes feixistas que de cando en cando promovían algún
incidente violento. Alritados por estes feitos un grupo de galeguistas e
antifeixistas (sic) agredeu en Santiago ós simpatizantes de Montero
Díaz que repartían o primeiro número do semanario «Unidad» (404)
(periódico que anteriormente fora obxecto
dun
asalto ó prelo no que se editaba), tendo que intervir a policía (405).
Pouco tempo despois o grupo de antifeixistas repartiu unhas follas
condenando a publicación de «Unidad» e anunciando a próxima
constitución en Santiago dun frente único contra o fascio (406). A.N.T.
recolle este estado de ánimo publicando un solto que rezaba o seguinte
«O Fascismo: Eis o enemigo común. Ou el nos mata ou o matamos.
Contra el todos» (407). Pesia estes vagos chamamentos a unidade, tería que
pasar algún tempo para que as feridas e resquemores quedaran
esquencidos e, polo de agora, a pesares de seren moitos os galeguistas
proclives a unha alianza coas forzas republicanas, o P.G. segue con
reticencia a manobra de reagrupamento das esquerdas republicanas
malparadas nas eleccións, tarefa á que estaba entregado Casares Quiroga (408).
Nos días 13 e 14 de xaneiro de 1934 ten lugar
en Ourense a III Asamblea do P.G. (409). Suarez Picallo, en representación
da O.N.R.G. de Bos Aires, presentou unha proposición (410)
que coincidía
con outra defendida polo Grupo de Pontevedra en propugna-la alianza coas
forzas republicanas de esquerda. A ala de dereitas opúñase e o que
actuou como portavoz dela, Vicente Risco, puxolle toda clase de chatas,
polemizando con Picallo, Víctor Casas e Alvarez Gallego. Planeaba o
risco de escisión, da que eran claramente partidarios Filgueira
Valverde e Bouza Brey (411), que se chegou a conxurar en parte porque a
debilidade numérica do P.G. a convertía en irracional (412), en parte
polo espírito de transixencia de que deron mostrar ambalas duas
correntes. En efecto, para dirimir as diferencias nomeouse unha
comisión integrada por calificados representantes dos dous sectores
(Risco e Picallo, principalmente) encargada de presentar á Asamblea
unha proposta consensuada, capaz de evitar a escisión. A ala de
esquerdas aceptou tirarlle acritude a sua primeira proposta de non
excluir da alianza os grupos sociais e políticos de extrema esquerda (413)
e retirou a sua petición de
revisión do Programa do P.G. en orde a
darlle un sesgo nidiamente de esquerdas; a cambio, a corrente
conservadora aceptou a colaboración do P.G. cos partidos republicanos
e autonomistas sempre que:
«non se opoñan ao conquerimento da nosa autodetermiñación, a
republicanización indispensabel de Galicia e a precisa diñificación da
sua vida política».
|
Estes requsitos parecen estar pensados por
suposto para dificultar a alianza coas forzas republicanas dun modo
xeral, e moi especialmente co PSOE que non se aviña na práctica a
apoiar a autonomía de Galicia. Precisamente por ser ambigua, esta
resolución de compromiso foi aprobada por unanimidade (414).
Ademais da polémica entre dereitas e esquerdas
a III Asamblea serviu de escenario para que aflorase a tendencia «apoliticista»
(415) .En efecto, un sector do P.G., decepcionado polos resultados electorais de 1933, plantexa o abandono da política
inmediata, para adicarse a laboura cultural, que á postre era tamén
política (416). O abandeirado desta actitude de «nazonalismo
integral» era Iglesia Alvariño, o alegato do cal tivo escaso eco
porque, como deixou escrito Bóveda, a diferencia de 1918 en que o
galeguismo era un movemento pouco artellado e adicado preferentemente a
unha tarefa cultural, nos anos trinta deviñera nunha organización
disciplinada e inexorablemente política (417).
A Asamblea de Ourense aprobou tamén unha
proposta de Ramos Obella que poderíamos calificar de radical, se non
fora que máis ben tiña que ver co ilusionismo político. Tratábase de
ensaiar un procedemento audaz, consistente en crebar os nexos co Estado
e constituir mediante eleccións un parlamento galego dotado de
amplísimos poderes e facultades, do que emanaría un órgano executivo,
todo elo sen contar coa aprobación das Cortes españolas. O Poder
lexislativo galego de ficción traballaría provisoriamente para o
porvir como si fora presente xa, de xeito que se conqueriría o rodaxe
do autogoberno para cando fora posible establecelo legalmente. Nin que
dicir ten que tal entelequia endexamais foi levada a cabo, e o feito de
que a aprobase o Congreso do P.G. constituiu unha acabada mostra de
inmadurez e inxenuidade política. O único que se fixo neste senso
foros varios estudios, a modo de proxectos de lei, sobor de cuestións
que ían dende tributación a arrendamentos rústicos, dos que xa demos
noticia noutro apartado deste traballo (418).
Na nova dirección elexida non figuran os
caracterizados representantes da tendencia dereitista, Risco e
Filgueira, que quedan así relegados a un segundo plano dos órganos
decisorios, pero elo non se pode interpretar como unha especie de «caixa de bruxas» por parte do sector de esquerdas, por estar
rifada co espírito de consenso e afán integracionista que seguía tendo
o P.G., posto de manifesto na resolución negociada, dado que permanecen
na dirección homes de significación nídiamente conservadora, como
podían ser Banet Fontenla e Iglesia Alvariño.
Noutro orde de cousas, a comenzos de 1934 as
forzas da dereita congratulábanse de que o plebiscito non se puidera
levar a efecto (419). O sector máis crispado que se manifesta xa
abertamente como feixista, arrecia coa susa propaganda antiestatutista (420). Xa aludimos neste senso a aparición do periódico
«Unidad», adicado a combatir o P.G. e mailo Estatuto. Como
contrapartida xurden benintencionadas tentativas de continuar do xeito
que fora o interrumpido proceso estatutario. O «Comité Central de
Autonomía» reestructurase pretendendo acoplarse en vano á nova
correlación de forzas políticas saídas das eleccións de novembro de
1933. En Santiago nace a agrupación denominada «AI Servicio del
Estatuto Gallego», co propósito de afondar no estudo das bases
económicas sobor das que se debía asentar o Estatuto, e de granxearlle
maior apoio popular, principalmente por medio da difusión do seu
significado (421). O P.G. e outros elementos pensaban relanzar novamente a
campaña de propaganda estatutaria (422). A maiores, dende as páxinas da
publicación de significación esquerdista e galeguista «Claridad», tratase de persuadir ós partidos e sindicatos
socialistas, comunistas e anarquistas de que as suas respectivas
tradicións doctrinarias eran perfectamente compatibles coa asunción da
autodeterminación de Galicia (423). Recoñecendo que a clase obreira galega
non se tiña sumado co dexexable fervor, e loita pola autonomía, aducen
que o postulado autonómico podía servir, entre outras cousas, para opoñerse
ó avance do feixismo, que era unha preocupación dominante nos
medios de esquerda (424).
En febreiro de 1934 Antón Villar Ponte leu
unha carta nunha asamblea da sección local coruñesa do P.R.G. propoñendo a disolución do partido, que caseque xa non contaba
con
outras organizacións dada a crise que experimentara que a feble da
Coruña e a moi precaria de Pontevedra. As discrepancias de A.V. Ponte co
P.R.G. non viñan de agora. Moito antes de que foran disoltas as Cortes
Constituintes significara o seu desacordo coa actitude adoptada
polos dirixentes daquela agrupación política, e en especial con
Casares Quiroga (425). Na sua carta formulaba cargos acusatorios contra a
dirección do partido por facer del un instrumento inútil para a
República. Segundo el, os poderosos resortes que tivo nas suas máns o
P.R.G. non os empregou para erradica-lo caciquismo, nin serviron
tampouco para evitar unha derrota electoral sen paliativos, sendo
especialmente grave que non fora capaz de acreditar os interventores
necesarios para vixilar os Colexios electorais, cousa que non logrou nin
sequera na Coruña. Censúralle, ademais, o feito de que elevase a cargos
representativos a persoas contrarias ás esencias esquerdistas e
galeguistas postuladas no programa do P.R.G. Alude a actitude
inconsecuente na cuestión do Estatuto, considerando indisculpáble que
non se pedisen explicacións ós seus concellais que se abstiveran de
concurrir á sesión do Axuntamento coruñés na que fora maioritario o
criterio antiautonomista. Pero, como el mesmo sinala, o elemento
catalizador da sua decisión de abandonar o partido de Casares foi a
resolución, adoptada sen convocar previamente unha asamblea de
afiliados (426), de que o P.R.G. desaparecese para fundirse nun partido
de esquerdas de ambito estatal (427). Vilar Ponte non estaba disposto a
formar parte dun partido que non se cinguise ó marco galego (428). A
dimisión de A. Villar Ponte supuña o fracaso dunha vía de actuación
propugnada por un reducido sector do movemento galeguista: a de
renunciar a que o galeguismo fose unha forza política con identidade
propia para tratar de galeguizar dende dentro as outras forzas
políticas. Na derradeira fase de Dictadura, Anton Vilar Ponte ó tempo
que era membro das Irmandades colaborou con Marcelino Domingo e Albornoz
no empeño de difundir en Galicia o programa dun partido republicano de
esquerdas que se trataba de crear (o P.R.R.S.), poñendo a sua firma no
seu primeiro manifesto. Participou logo na creación da O.R.G.A.
(logo P.R.G.) convencido de que: «Era el momento de hacer
galleguismo republicano y de republicanizar el galleguismo» (429).
Cando se fundou o P.G., A. Villar Ponte rendiulle: «el tributo
sincero de mi más honda devoción», pero non se sumou a el tanto
por considerar que o galeguismo organizado como forza independente, sumado ó que actuaba no seo do principal partido onde estaba o seu
papel tería un efecto multiplicador, como porque sentíase obrigado a
permanecer no partido polo cal obtivera a acta de deputado. Desenganado,
o cabo, do camiño que emprendera, pide o ingreso no P.G.(430), cousa que
lle foi concedida a pesares das friccións que en certos momentos tivera
con este partido. Nefeuto, Bóveda nos momentos de alporizamento pola
marcha do Estatuto no vran de 1933, acusou a Anton Villar Ponte (431)
de
ser inconscientemente un dos piores nemigos da autonomía por permañecer
nun partido que, como o P.R.G. traicionaba ó Estatuto, sen que Vilar
Ponte fixara ouvir a sua voce de protesta por elo. Deste xeito, os
galeguistas do P.R.G. non cumplían nese decisivo momento noutras
ocasións Bóveda recoñece que cumpliran perfectamente ben a misión
que lles acaía. Entendase ben que Bóveda non criticaba a Vilar Ponte
por militar nun partido non galeguista, pois, como él mesmo dicía,
tódolos camiños: «me parecen bós si se percorren coa santa arela
de traballar pola libertade de Galiza» (432), senon por non actuar
dentro dal naquel preciso intre como un galeguista consecuente. A.
Vilar Ponte replica (433) asumindo as críticas que contra o P.G.
formulara Blanco Amor, consistentes en que o P.G. non daba na sua
actuación atención prioritaria ás cidades, e que a sua concepción
política, a fuer de purista, deviña en simplista, sen contar con que
douscentos discursos pronunciados nun ano e múltiples desvelos serviran
só para que obtivera dous concellais en toda Galicia. Polo demais,
para V. Ponte ningún partido de masas, como era o P.R.G., podía ser nin
puro nin perfecto. O seu entender o fin xustificaba os medios, de xeito
que a pureza do fin absolvía sempre da impureza dos procedementos e, por
outra banda, tamén o catalanismo para chegar á masa tivera que
catalanizar caciques e prestar apoio a intereses creados de orde
económico que as veces marxinaban os canles da xusticia (434)
. Remataba
manifestando que se os galeguistas non tiveran tanto afán purista e en
troques de organizarse nun partido especificamente galeguista se tiveran
introducido nas organizacións republicanas, tanto de dereitas como de
esquerdas, galeguizando a sua actuación, os resultados especialmente
na cuestión do Estatuto terían sido máis afalagadores.
Noutro orde de cousas, o viraxe do P.G. cara un entendemento coas forzas republicanas de esquerda provocou unha
gran
revoeira sobor de todo nos medios da emigración en América que
seguían con simpatía a traxectoria do P.G., Blanco Amor en parte
ferido no seu amor propio porque non se lle remitía o portavoz do P.G.,
«A Nosa Terra» acusa ó P.G. (partido ó que, polo demais,
considera como o máis interesante dos existentes en Galicia) de non
saber proxectarse acaidamente no exterior, desdeñando: «[...] todo
cuanto no sea su vida endócrina»; facendo una política «de
capillita» intelectual adicada as divagacións, que debería
abandonar se quería convertirse na forza maioritaria. Segue a dicir
Blanco Amor, nun tono que ó P.G. consideraba «doctoral e
impertinente», que compría ir desfacendo o mito de que todo o
galeguismo posible estaba en Galicia e precisamente no P.G. (435)
e
criticalle por non se ter declarado máis explicitamente no pleito
dereitas/esquerdas, parecendolle a este respecto insuficiente a
declaración da III Asamblea. O P.G. respóstalle en termos duros (436)(que non excluiron posteriormente
un trato correcto e mesmo deferente e
gasalleiro por parte do P.G.) acusandoo de querer que o P.G. se
esgazara en duas polas, que sería o que tería sucedido se non chegara a
facer unha declaración que recoñece que era ambigua sí, pero porque
«a fortiori» tiña de selo.
En Bos Aires a polémica suscitada pola
proclividade aliancista do P.G. foi intensa. A sua organización filial
«Organización Nazonalista Repubricana Galega» asume a
posición veladamente esquerdista do P.G. (437). Os nacionalistas radicais
de «A Fouce» tildan de electoralista ó P.G. considerandoo «hespañolista»
polas suas
alianzas (438). Ás criticas que no
influinte periódico bonaerense «Galicia» erguense descontra a
nova orientación do P.G., sumanse as manifestacións de frustración
polo impasse estatutario e maila derrota electoral do P.G. Censuran a
este partido por ter minusvalorado a trascendencia das eleccións
municipais, de vital importancia para a erradicación do caciquismo, xa
que se lle podía combater especialmente ben dende as cotas dos
concellos rurais que compriría conquerir (439). O P.G. fixose eco desta
observación, dando unha clara resposta política nunha circular ós
Grupos firmada por Castelao (440), na que os exhortaba a que estudasen a
fondo os problemas das localidades con vistas a redactar un programa
municipal válido para as seguintes eleccións.
Tódalas críticas devanditas non parece que foran
en detrimento da
adhesión (concretada era subsidios económicos) de importantes sectores
da emigración dos países rioplatenses ó P.G. De feito, en maio de
1934, nace en Montevideo a «Irmandade Galeguista» co
obxectivo de apoiar económica e ideolóxicamente ó P.G. (441)
Na propia Galicia, «El Pueblo Gallego» (442)
recomenda ó P.G.
que se absteña de fraguar un compromiso con «Izquierda
Republicana», de cara o cal existía un movimento tendencial de simpatía
en determinados sectores do P.G., porque, segundo E.P.G., sairía perxudicado ó comprometer a continuidade nas suas filas da ala
conservadora e, asimesmo, polo enfeudamento e hipoteca do ideal
galeguista a un partido de ámbito estatal, que por ende non gozaba
precisamente de prestixio por ter figuras como Casares Quiroga.
A fins de xuño de 1934 o P.G. organiza un mitin no Teatro Rosalía da
Coruña, e nel Plácido R. Castro e Alvarez Gallego contestan a quen
dende fora do P.G., e simpatizando ou decindo simpatizar cora él,
tencionaban tutelar e guiar o partido cos seus consellos. Din que o
único xeito de influir no P.G. era formando nas ruas ringleiras e, por
conseguinte: «Nos ademitimos mentores oficiosos por moi bós nin moi ben tenzoados que sexan» (443).
Xa desde principios de febreiro de 1934 o
Consello Executivo do P.G. desenrola con pulso firme as resolucións
tomadas na III Asamblea, e insta a tódolos seus Grupos a colaborar cos
republicanos en base a tres puntos: 1) Autoderminación
político-administrativa de Galicia, 2) Republicanización de Galicia e
3) Dignificación da sua vida política. Declara pretender, ante todo, o
compromiso cos partidos republicanos que estaban a efectuar manobras de
confluencia, e a consecución de Estatuto de Autonomía; ben entendido
que no caso de que os partidos republicanos se chegaran a fusionar, o
P.G. colaboraría tácticamente co novo partido, pero mantería sempre a
sua independencia organizativa e ideolóxica (444). Era en Ourense onde
ían
máis avanzadas as conversas para chegar a un pacto do P.G. coas forzas
republicanas sobor dunha plataforma programática que contemplaba entre
outros temas a autonomía, o recoñecemento da parroquia e certas melloras
sociais para as clases medias e populares (445).
Pero o P.G. non vía todo da cor de rosa. Ante o
anuncio dunha asamblea pra crear o «Partido de lzquierda Republicana», Castelao atopabase inquedo porque as bases
ideolóxicas que se ían discutir revelaban moi escaso fervor
autonomista, aludindo únicamente a que «respetarían» as autonomías e a vontade autonómica. O Segredario Político do P.G.
inspiráballe confianza Azaña, o sonado discurso do cal a prol do
Estatuto catalán ainda resoaba nos seus ouvidos, pero moita menos
González López e Calviño, que figuraban no Comité de enlace, en calidade de representantes da O.R.G.A. Tampouco esquencía Castelao que
un republicano esquerdista como Marcelino Domingo afirmara que espertar
o feito diferencial fora de Cataluña e «Basconia» sería tanto
como cometer un crime (446). De tódolos xeitos, o P.G. ainda confiaba
en que da Asamblea saise un pronunciamento nidiamente autonomista e,
polo demais, os meses transcorridos de goberno conservador serviran para
que o P.G. constatara o abismo que mediaba entre a laboura que con
tódolos seus erros realizaran os partidos hexemónicos no anterior
bienio e os que rexían á sazón a vida da República. Exactamente así
o pon de manifesto Víctor Casas, seguro de que «nin os radicales
nin as dereitas concederán endexamais o réximen autonómico a
Galicia» (447) . Este habitual comentarista político de A.N.T.,
decía
que as forzas de esquerda recoñecían os seus erros e estaban dispostas
a enmendalos, de xeito que cando chegaran ó poder farían unha obra
republicana auténtica e concederían a desexada autonomía a Galicia (448). A realidade encargábase de abri-los ollos dos galeguistas. Por
mor do estado de alarma, en abril de 1934, os gobernadores civís de
Lugo e Coruña prohiben actos galeguistas (449)
e atrancan a sua laboura de
propaganda; así, na Coruña o gobernador prohibíu ós galeguistas espallar unhas
follas nas que significativamente aunábase a
conmemoración dos «mártires de Carral» cos «herois de
Jaca» (450). Estas actuacións represivas descontra o P.G. eran
tamén seguidas contra as restantes forzas de oposición e as suas
áreas de dominio, como os Axuntamentos (así, por decreto foi
destituído o alcalde de Vigo, Martínez Garrido (451), e enmarcábanse na
política de dureza de Salazar Abraso que sustituirá a primeiros de marzo a Martínez Barrio
ó frente do ministerio de
Gobernación (452).
Con todo, o P.G. pode celebrar, o 26 de abril,
a xesta de 1846 que rematara cos tráxicos afusilamentos de Carral (453).
Os galeguistas estaban a dar pasos firmes de cara a conversión do P.G.
nun partido de masas ben organizado e eficaz. A mediados de marzo, o
Segredario de Propaganda. Alvarez Gallego, envía unha circular ós
Grupos aconsellando racionaliza-Ia propaganda. Os mitins debíanse
celebrar nas cidades e vilas importantes soamente cando se producira
algún acontecemento que o xustificara. Fora diso únicamente botaríase
mán deste recurso propagandístico co obxectivo de constituir novos
Grupos, ou cun fin determinado; o mesmo polo que facía as
conferencias nos Grupos e Sociedades Agrarias. Polo demais, Alvarez
Gallego propúñase planifica-Ia campaña de propaganda, trazando un
mapa coas xeiras a efectuar (454). Porén, os resultados desta nova actitude
proselitista tardaran en facerse patentes, por mor da adversa
situación política.
O 8 de xuño o «Tribunal de Garantías
Constitucionales», por 13 votos contra 10, vetou a Lei de Cultivos
aprobada polo Parlamento catalán a instancias de Esquerra Republicana,
que obtivera un éxito sonado nas eleccións para a Generalitat de
xaneiro de 1934 (455). O goberno de Companys líder que sustituira a
Maciá, quén, por certo, gozou de tódalas simpatías do P.G. (456)
negouse
a acata-Ia decisión do tribunal e procedeu a aprobar unha lei
virtualmente idéntica, abríndose así un conflicto entre os gobernos
periférico e esquerdista de Companys, e centralista e máis de dereitas
de Samper, que se prolongou ó longo de todo o vran. O P.G. segue con
extraordinario interés o desenrolo destes feitos, sentindose plenamente
solidario co goberno de Companys. O Consello Executivo do P.G. chama ós
seus afiliados e a tódolos «auténticamente repubricans» a
amosar a sua solidaridade con Companys (457), por entender que estaban en
xogo cuestións esenciais. Consideraba o P.G. que a anulación da «Lei de Rabassaires», aprobada pola Generalitat o 10 de
abril de 1934, formaba parte dun plan de des-republicanización de España
(458). Era, ademais, un atentado á autonomía de Cataluña, que con arreglo ó artigo 12 do seu Estatuto
tiña dereito a lexislar en materias
de política social agraria (459). O cabo, a mencionada lei estaba
orientada a crear unha clase de cultivadores propietarios, que estaba de
todo punto conforme co principio aceptado polo P.G. de que a terra
debía ser de quen a traballara (460).
Cando, en sinal de protesta polo que
consideraban opresión centralista do Goberno, retiraronse das Cortes os
parlamentarios da Esquerra e do P.N.V., o único que lamenta o P.G. é
non dispoñer de deputados para secundar esta actitude (461). O P.G.
manifesta a sua ledicia porque Basilio Alvarez (ó que en tantas outras
ocasións critica) non votara a prol do acordo do Tribunal de Garantías
(462), pero se ten de conformar con enviar un telegrama de
solidaridade ó Presidente da Generalitat e ó P.N.V. (463)
congratulándose de que ambolos dous antepuxeran as suas coincidencias
nacionalistas ás suas diverxencias en temas sociais, e con aludir,
asimesmo, o tema nun importante mitin celebrado no Teatro Rosalía
Castro da Coruña. Este acto tivo unha gran importancia política por ser
o primeiro exceptuando os dos sindicalistas no que se permitiu
libremente a entrada prescindindo do requisito da invitación. O éxito
logrado foi grande tanto polo número de público asistente, como por
non terse producido ningunha protesta nin interrupción, o que era
especialmente difícil como sinala Anton Villar Ponte (464) dado que o
público era moi heteroxeneo (de tódolos partidos republicanos, e
obreiros de distintos matices ideolóxicos) e corrían uns tempos moi
revoltos e preñados de «antis». Castelao aproveitou a
tribuna para dar pública contestación ás palabras de Azaña,
pronunciadas tamén na Coruña no acto fundacional de I. R. Expresou o
seu respeto para coa personalidade de Azaña, que representaba «un
estilo moral na política republicán», pero puntualizou as suas
discrepancias coas preocupantes verbas de Azaña alusivas a que a
autonomía non se podía conceder por un decreto solicitado do Goberno,
tópico que se tiña utilizado repetidas vegadas como censura ós
galeguistas, cando estes distaban de pretender tal cousa, e precisamente
por iso entregáranse con paixón a unha campaña de propaganda
autonómica. Bóveda, pola sua banda, tira a colación un artigo
publicado en «O Faro de Vigo» por un deputado «mudo no
Parlamento», no que se imputaba ó P.G. preparar aquel mitin
seguindo instruccións de Companys para servir ós intereses de Cataluña. Argumenta que estaba preparado dende antes de que xurdira o
contencioso. Pasa logo a referirse ó requerimento que se fixera ó P.G.
no mitin de I.R. Non lle parecía ben que se apelase a un Partido
Galeguista de Esquerda, por entender que o P.G. non precisaba de
apelidos (apelidos que polo demais e isto por suposto calouno podían
provoca-Ia escisión da corrente conservadora), pero estaba disposto a
que ambas organizacións chegasen a un entendemento, sempre que se
aceptaran os postulados aprobados na Asamblea do P.G. celebrada en
Ourense. Pero deixa quedar moi claro que: «[...] non se esquenza
que somos un partido nazonalista, que non pode confundirse con ningún
outro, nin deixarse representar por ningúen, nin perder un soio punto
de súa persoalidade» (465).
En Ourense tivo lugar, concretamente no Teatro
Losada o domingo 8 de xullo de 1934, outro mitin do P.G. no que
interviron como oradores González Salgado, Alvarez Gallego, Castelao,
Bóveda e Gómez Román. Os discursos, de tono esquerdista, foron
escoitados por un público que enchía media saa segundo a crónica de
«El Ideal Gallego» (466);
destacan as referencias á unión dos
republicanos, a Cataluña e, asímesmo, ó partido socialista, como os
principais baluartes de que dispuña a República (467).
A xeira completouse cun terceiro mitin en
Santiago, ademais dalgúns outros celebrados en localidades de menor
importancia. Con isto o P.G. proseguía a sua conducta de conexión
verbal coas masas, poñéndose en contacto coa opinión pública de
Galicia non só nos momentos electorais, cousa que segundo Víctor
Casas non facían antes os demáis partidos republicanos, pero
dexergábase daquela un cambio de actitude a este respecto (468). Víctor
Casas sentíase ledo de que os partidos republicanos de oposición
declarasen en mitins e comunicados á prensa, que era urxente abranguer
a autonomía de Galicia, e ata no partido socialista escomenzaba a ver
boa disposición (469). O P.G. tiña moi presente ós socialistas, o cal era
lóxico tendo en conta que podían ser un posible aliado seu, dado que
os dirixentes republicanos percuraban neste momento restablecer o eixo
de partidos políticos que formaran a coalicción hexemónica na primera
etapa da República. Velaí por que cando o P.G. fai un chamamento á
solidaridade con Cataluña non se esquence de mencionar expresamente
ós socialistas galegos (470),
e para máis, Bóveda escrebe un artigo en
A.N.T. (471) adicado a convencer os socialistas de que a autonomía era
perfectamente congruente coa sua doctrina; argumentando que os «plutócratas galegos» eran furibundos defensores do
centralismo.
A corrente «apoliticista» do P.G. seguía estando viva, e por elo A.N.T. adica
un artigo a demostrar que a
polarización política dos galeguistas non impedía que traballasen ó
propio tempo no eido da cultura (472).
O 25 de xullo do ano 1934 celebrouse con gran
profusión de bandeiras e outros símbolos patrióticos, particularmente
en Ourense e Pontevedra (473). En numerosos puntos tiveron lugar festas
galegas promovidas polos Grupos do P.G. e a F.M.G. (474); os alcaldes da
Coruña e Lugo publicaron sendos bandos en galego. A Editorial NOS
sumouse a conmemoración editando dous novos libros, e algúns xornais
incluiron páxinas extraordinarias. Os galegos emigrados celebraron
asimesmo a festa, pero o máis destacado foi a incorporación por
primeira vegada de numerosas mulleres ás manifestacións galeguistas
(como a celebrada en Santiago, por exemplo) (475), os actos de ingreso de
Antón Vilar Ponte e Castelao na «Academia Gallega» (476)
e o
mitin estelar celebrado as 12 da noite na Plaza da Quintana. No «Mitin das Arengas»
(477), numeroso público escoitou de pé as
intervencións de vinte oradores ó longo de duas horas (478).
Rexistráronse pequenos incidentes cando un espontáneo que foi
expulsado berrou «viva España fascista», e cando foron
recriminadas unhas poucas persoas que non rendían o debido tributo de
respeto o Hino Galego (479). Ainda que nalgún punto concreto, como
Redondela (480), socialistas e republicanos de esquerda súmanse á conmemoración do Día
de Galicia, isto era amis ben a excepción que a norma. Segundo Antón
Vilar Ponte, semellaba que a esquerda non asumía o Día de Galicia, por
ser éste tamén o día do Apostolo, o cal entrañaba para a sua
mentalidade unha claudicación no seu laicismo (481).
Os devanditos actos de
propaganda nacionalista efectuados polo P.G. tiveron lugar nun momento
nada propicio políticamente. De feito o Gobernador civil estivo a piques
de destituir ó alcalde de Santiago por autoriza-lo Mitin das Arengas (482). No anterior mes de
xuño as dereitas tentaron de sabotear algún
mitin rural do P.G. (483). O estado de alarma declarado por mor das folgas
campesinas do sul de España, que continuaban á ofensiva cenetista
lanzada antes en Aragón, e asimesmo polos conflictos plantexados polos
socialistas cada vegada máis radicalizados, repercutiu tamén en Galicia
(que, como o propio P.G. sinala, nunca dera motivos para que se
declarara o estado de alarma) ollándose polas ruas importantes
continxentes de gardas, armados con toda clase de pertrechos, e quedando
establecida a censura previa (484).
O P.G. laiábase da proliferación de multas, detencións gubernativas,
destitucións de Axuntamentos, etc.(485). Esta situación continuou nos
meses de agosto e setembro, sendo destituidos os alcaldes e mailas
corporacións de Vilagarcía, Lalín (486), Lavadores e Marín, e multados
os concellais de Vigo (487). Pouco faltou para que tamén fora deposto o
alcalde ferrolán Xaime Quintanilla, sen que as xentes se erguesen na
sua defensa, o cal fixo que as protestas e alporizamento do P.G. sobisen
de tono, chegando a exclamar que «¡Ferrol non era máis que unha colonia castrense do Estado!»
(488). Ademais, importantes sectores
da J.A.P. propuñan desencadear a: «Guerra sin cuartel al
galleguismo separatista» (489).
Nestes meses do vran a dirección do P.G.
plantexou a continuación da campaña de propaganda encetada co mitin da
Coruña. Tratábase de organizar preferentemente actos de importancia e
ben preparados, en troques de moi numerosos e esgotadores. Debían ter
un carácter de concentracións comarcais preparadas polas Seccións dos
Grupos; serían en Ferrol, Pontevedra, Vigo e o primeiro de outono tería
de comenzar unha xeira pola provincia de Lugo, por ser a menos traballada
polo P.G. (490). O Consello Executivo (agora denominado Consello Nazonal)
encargou a Castelao a elaboración dun proxecto de enlace coas forzas
republicanas e agrarias, e tódolos conselleiros coincidiron en que a
creación de novos Grupos debía ser unha das tarefas a que debería
adicarse a máxima actividade (491).
Pero o estado de alarma decretado polo
goberno Samper impuña un obrigado compás de espera na propaganda
galeguista, ante o cal a Segredaría de Propaganda aconsellaba ós Grupos
que consagrasen as suas actividades á laboura de proselitismo e á
formación de Seccións (492). Os principais actos non se poideron levar a
cabo, e sendos mitins que organizan a «Sociedad Agraria de
Buxán» e o Grupo de San Miguel do Campo, provocaron amenazas de
multas dos gobernadores civís da Coruña e Ourense respectivamente (493).
Ante os malos tempos que estaban a vivir os galeguistas e os
previsiblemente piores que se aveciñaban, dado que estaban nunha
pendente que desembocaría na revolución de outono, A.N.T. arengaba a
estar prestos ó sacrificio pola redención da Terra: «A
persecución, o cárcere, os ataques e vexámes do centralismo as nosas
persoas deben de templar o futuro da propia liberación» (494)
.
Entramentres que na Generalitat facíanse
preparativos revolucionarios paralelamente as negociacións levadas a
cabo co goberno Samper, na procura dunha fórmula que solventase as
diferencias encol da lei de Cultivos, os vascos, solidarios cos
catalanistas, crearon un novo foco de tensión ó que non tardaría en
engadirse o constituido pola crecente radicalización do proletariado.
Os vascos consideraban que o imposto sobor da renda era lesivo ó
concerto económico e ás leis paccionadas entre o Estado e mailas
Pronvincias Vascongadas. Uníuse a este conflicto a decisión dos
nacionalistas, dacordo con Prieto, de convocar eleccións municipais o
traveso dunha comisión interprovincial que suplantaba así as
atribucións do Goberno Central, co obxecto de suprimir ás comisións
xestoras nomeadas polo Goberno, a quén se acusaba de valerse delas para
impoñe-las suas medidas económicas. Pero as dilixencias gubernativas
lograron desbaratar a xornada electoral revolucionaria do 12 de agosto
na meirande parte dos Axuntamentos. Ante isto, os nacionalistas e
socialistas convocaron unha asamblea de diputados, concellais e
parlamentarios vascos en Zumárraga o 28 daquel mesmo mes, que houbo de
ser aplazada ata o 2 de setembro, e que tamén foi malograda pala
intervención do Goberno (495). Todos estes acontecementos espertaron
notable atención e interés en Galicia. O P.G. para poder seguilo
conflicto que consideraba motivado polos agravios do poder central,
con todo detalle aplazou a xuntanza do Consello Executivo prevista para
agosto (496). Os destacados dirixentes do P.G., Alvarez Gallego, Martínez
López e Enrique Peinador, desplazaronse a Euskadi para expresar a
solidaridade dos galeguistas co Pais Vasco e Cataluña (497). O P.G. envióu
ademais mensaxes de adhesión ó presidente do P.N.V. (498)
e un
representante do seu Comité Executivo á asamblea de Zumárraga, que ó
cabo non puido asistir por indicación dos nacionalistas vascos, que soamente querían que participasen membros das institucións vascas,
para non dar argumentos ó Goberno de sorte que a poidese tachar de
ilegal (499). O P.G. tenta de escitar ás demais forzas políticas de
Galicia (500) e conquire que as organizacións locais da Coruña do «Partido de Izquierda Republicana»,
«Partido Agrario
Radical Gallego», «Partido Sindicalista», «Partido Radical Demócrata» e
«Partido Radical
Socialista», firmasen conxuntamente co P.G. unha nota de
adhesión ós Comités executivos dos Axuntamentos vascos, por entender
que defendían naqueles intres unha posición xenuinamente republicana e
democrática, identificada co espírito autonomista da Constitución (501).
Con todo, o concellais coruñeses non se atreveron a solidarizarse cos
axuntamentos vascos (502), a diferencia dos de Ourense e Vigo
(503) e mesmo
tamén os de Santiago, non sen que estes últimos vacilasen antes, dada
a orde cursada polo gobernador civil prohibindo a discusión da
adhesión (504).
Abertas de novo as Cortes tras do paréntese
estival, entra por primeira vegada a CEDA o Goberno en coalición cos
radicais o 4 de outono. Nas forzas republicanas producíuse grande
desasosego e a UGT declarou a folga xeral revolucionaria en toda España,
obtendo un eco especialmente acentuado en Asturias. A situación creada
foi aproveitada por Companys para romper co goberno Lerroux, chegando a
face-lo día 6 de outono unha declaración secesionista, inducido en
gran medida polo extremismo de Dencás (505). A rebelión catalana foi
axiña doblegada. A apreciación do P.G. verbo dos sucesos de Asturias e
Barcelona non foi exactamente a mesma.
A revolución de Asturias, que non tiña ningún compoñente nacionalista,
non foi vista con simpatía polo P.G. (506)
ainda que tampouco a condenou
expresamente. Verbo da insurrección catalana a actitude do P.G. foi ben
máis comprensiva e ben máis favorable. Carballo Calero escrebe un
enxundioso artigo en A.N.T. (507), valorando a revolución dempois do seu
fracaso. Sentíndose moito máis identificado con Companys que co «Estat Catalá» de Dencás, admite que houbo algún erro
(sic) por parte dos catalanistas, pero que elo non xustificaba o trato
que lle quería dar o Goberno a Cataluña. Argumenta que quen se sublevou
foi exclusivamente o Consello da Xeneralidade, pero non o Parlamento
Catalán, nin a mesma Cataluña, polo que era improcedente a disolución
do Parlamento Catalán. Compre que salientemos tamén as mostras de
solidaridade do P.G. para co goberno da Xeneralidade preso. Este xeito
de actuación do P.G. valéulle a crítica do «Comité
Autonomista Gallego de Montevideo», que no nome do autonomismo
criticaba acerbamente a campaña extremista, demagóxica e arredista
(sic) do P.G. (508).
Víctor Casas é o encargado de dar publicidade
ás leccións tiradas dos acontecimentos vividos:
«Non hai que lle dar máis voltas. Galicia non pode erguerse
violentamente contra o Estado español en percura de unha independencia que necesita. Catalunya e Vasconia non
demostran que ese camiño non é sin práitico nin de posibel percorrido. Cantos exempros, os
arredistas oficiaes, nos opoñan, acontecidos no século pasado ou a
comenzos do aitual non sirven para rén. Hoxe é imposibel trunfar por tales médios contra o Estado moderno. Por eso temos que nos conformar
con ir acadando concencias para o logro da autonomía» (509). |
Semella estar meridianamente claro que o P.G.
non tivo intervención ningunha no movimento revolucionario de outono
de 1934, a pesares do cal tivo que sofrir as represalias gubernativas: o
semanario do P. G. «A Nosa Terra» viuse obrigado a suspender
a publicación a causa da censura; algúns afiliados do P.G. foron
encadeados durante varias semanas (510), varias sedes galeguistas tiveron
que ser pechadas durante seis meses, quedando algúns Grupos (como o de
Franza (511), Alongos (512), e Buxán
(513)) desorganizados e paralizada a sua
actividade e, ó cabo, Bóveda e Castelao foron desterrados (514). A nova
dos desterros de Castelao a Badaxoz e de Bóveda a Cádiz (515)
disfrazados
de traslados administrativos aproveitando a sua condición de
funcionarios, caeu como unha bomba nos medios galeguistas. Porén, non
foron os galeguistas os únicos que tiveron que padecer os rigores do
traslado forzoso, pois tamén seguiron análoga sorte outros
republicanos (516), pero a medida contra os dirixentes galeguistas ía
dirixida directamente ó corazón do P.G. Castelao, ademais de ter
acometido importantes tarefas políticas, era sobor de todo unha figura
pública, verdadeiramente a máis coñecida do P.G. O seu castigo tiña,
pois, unha dimensión simbólica clara. Bóveda, era o motor e
verdadeiro factotum do P.G. (517), de xeito que privando a este partido da
sua presencia ben podía suceder que quedara denervado. Tal cousa non
sucedeu en gran parte mercede a que ambos dirixentes, que se manteñen
en todo momento en contacto por carta (518), seguiron ocupando os seus cargos políticos e
desempeñando a dirección efectiva do partido (519)
a
pesares da distancia. Consciente da importancia que tiña para a vida do
partido a privación de tan cualificados dirixentes, e ademais do
problema familiar e persoal que se lles ocasionaba, o P.G. fixo canto puido para evita-lo traslado. Polo que sabemos que debe ser só a
punta do iceberg pola documentación que se conserva (520), os galeguistas
da Coruña falaron con Iglesias Corral e Miñones para que xestionaran en
Madrid a revocación da orde de traslado; do primeiro non sabían que
fixera nada, en tanto que o segundo enviou unha carta e mais un
telegrama sen resultado (521).
Non deberon ser os galeguistas tampouco alleos
as manifestacións de protesta pola orde de desterro, que partiron de
persoas a entidades non afectas ó P.G., entre as que cabe destacar a «Asocación de Ia Prensa de Pontevedra»
(522). Castelao presentou
unha alegación contra a orde de traslado (523)
e ante a inutilidade de
cantos recursos, protestas e presións fixeron, un núcleo de
galeguistas santiagueses, entre os que se atopaban, Anxel Casal, Beiras
e Martínez López, propuxeron que pedisen a excedencia encargándose o
P.G. de pasarlles un soldo (524). Desbotada esta posibilidade, o 17 de
novembro Castelao e Bóveda parten para o desterro (525)
non sen antes
recibir innumerables testimuños de alento e solidaridade dos seus «irmáns»
(526). En parte pola necesidade de encher o valeiro que
para o P.G. supuña a privación de dous dos seus persoeiros, en parte
polas necesidades inherentes a un partido en expansión (ainda que
ralentizada pola difícil situación política) con vontade de masas,
Víctor Casas, que tiña serios problemas laborais na fábrica de
calzados Senra, para a que traballaba de viaxante (527), pasa a ser
funcionario do P.G. con destino en Pontevedra.
En xaneiro de 1935 a actividade do P.G., como a
dos restantes partidos de oposición, era bastante lánguida. Máis
ainda, o partido non funciona como tal ente global (528), actuando, e
pouco, algúns dos grupos pola sua conta. Soamente podemos consignar
algún que outro acto, como os de Santiago (529)
e Ordes (530), dados polo P.G.
conxuntamente con outros partidos (o de Ordes cos socialistas), de clara
significación esquerdista e antifeixista. En Ourense os persoeiros
galeguistas aproveitan para dar conferencias no local do Grupo (531); polo
demais, o P.G. participa no centenario de Pondal, nun banquete
republicano celebrado en Pontevedra e na conmemoración da Primeira
República (532). O labor autonómico seguía completamente paralizado,
sen
que ningún signo esperanzador se albiscara no horizonte. Moi ó
contrario, o feito de que tódolos Axuntamentos da provincia de
Pontevedra que en nadal de 1932 se pronunciaran a favor do Estatuto,
mandaran a Madrid ós seus alcaldes para que entregaran a Emiliano
Iglesias un busto de bronce, interpretouse como un cambio copernicano no
seu talante autonómico (533).
Ben avanzado febreiro de 1935 «A Nosa
Terra» publica unhas «Bases para unha conxunción
repubricana» (534) que debían servir para un ensaio de coalición a
nivel provincial, extendible logo ó resto de Galicia, entre tódolos
partidos republicanos non implicados no bloque gobernante. Os postulados
propostos polo P.G. eran: A) Dignificación da vida política, B)
Republicanización de Galicia, C) Autodeterminación de Galicia,
aceptando o nivel establecido na Constitución, D) Defensa dos
intereses galegos, E) Manteñemento do espirito constitucional, opoñéndose a toda demanda revisionista de signo conservador.
A coalición estaba primordialmente concebida
de cara ás eleccións municipais que parecían próximas, pero ó non
seren convocadas desapareceu o aguillón que podía estimula-lo proceso
de confluencia. As conversas establecense só entre o P.G. (que lle
enviara unha carta o 20 de setembro de 1934 a I.R.) e «Izquierda
Republicana» (o Comité Nacional do cal contestou por carta o 25 de
abril de 1935)(535). A explicitada vontade aliancista do P.G. suscita en América polémicas e pronunciamentos a favor e
en contra. Os da «Sociedade Nazonalista Pondal» (536)
seguen a criticar ó P.G. por non tomar o vieiro do arredismo,
en troques de tentar compoñendas cos partidos «hespañolistas» para acadar unha
cativa autonomía (537). No boletin mensual do «Comité Autonomista
Gallego de Montevideo» (538)
censurábase novamente o P.G. por pandar
cara a esquerda, e pretender aliarse cos partidos que traicionaran a
autonomía; dicíase, ademais, que o nacionalismo galego non estaba
exclusivamente representado polo P.G. (podían ser tamén nacionalistas
os partidos autonomistas sen máis), e propugnábase a creación dun
partido galeguista de dereitas. «Opinión Galeguista», órgano
da O.N.R.G. de Bos Aires (539)
sae ó paso de todas estas afirmacións,
aducindo que o P.G. encarnaba o único nacionalismo galego exis non
variaba porque transitoriamente se inclinase a favor dun determinado
bando da política española, dado que, baixo o seu punto de vista, o
nacionalismo non constituía unha táctica senón unha dóctrina. Polo
demais, reputaban innecesaria a existencia de varios partidos
nacionalistas. O C.A.G. de Montevideo non se da por persuadido e volta a
teimar, máis por extenso, no seu parecer (540).
Con todo, publica no seu
boletín «Raza Celta» a petición de axuda económica para o
P.G. que levaba a cabo a sua filial en Bos Aires, O.N.R.G. entre a
colectividade galega de Uruguai e Arxentina (541). No editorial de Galicia» de Bos Aires
(542) (o director da cal, Blanco
Amor, xa víramos que criticara había poucos meses a nova orientación
do P.G.) abogábase por un galeguismo puro e alonxado do esquerdismo
español. En Galicia, «El Pueblo Gallego» distanciado
últimamente do P.G. e acusado por éste de condescendencia co Goberno
con premeditada malevolencia, segundo os galeguistas, publicou con
grandes carácteres tipográficos un finxido telegrama dos galegos de
Montevideo no que estes manifestábanse disconformes coa posición do
P.G., e reclamaban a necesidade urxente de crear un novo partido se o
Galeguista se inclinaba cara as esquerdas españolas. «E.P.G.»
o que fixo foi transformar o mencionado editorial de «Raza
Celta» nunha especie de ultimatum telegráfico, logrando crear
grande confusión, especialmente en América, onde acabaron desmentindoo
(543). O P.G. interpretou a manobra do periódico de Portela
Valladares como un intento de provocar unha escisión nas suas
ringleiras. Por elo «A.N.T.» adica un editorial a rebatir a
comenencia de tal esgazamento, entendendo que se ben: «A división
de dereitas e esquerdas, con todo o que ten de falseiro, responde
recoñezámolo a unha realidade aitual da política hespañola» e
ademais «O sistema eleitoral, a necesidade dos agrupamentos,
crearon a táitica coalicionista nos partidos [...] E, consecuentes co
noso pensamento e co noso ideario, aliámonos, sin prescindir das noas arelas, as esquerdas», de tódolos xeitos
«Nos digámoslo sin inmodestia constituímos unha orgaización difrente as que andan
por Hespaña adiante. Temos unha arela fundamental: a libertade de
Galicia» e, como corolario de todo elo, a división do P.G. era
para eles improcedente (544). Agora ben, estes malabarismos lóxicos do P.G.
non poderían impedir o esgazamento dunha boa parte da corrente de
dereitas, que non tardaría en producirse.
Erguido o estado de guerra en Galicia, a
mediados de febrero, o P.G. dispúñase a relanza-lo partido (545).
Noustante a mellora indicada non significaba o recobro da normalidade
constitucional e, de feito, a xuntanza do Consello Nazonal do P.G., á
que por certo asistiron Castelao e Bóveda que se atopaban
accidentalmente en Galicia por asuntos propios, tivo que celebrarse
ante a presencia dun delegado gubernativo (546). Os Grupos irán pouco a
pouco abrindo as sedes pechadas, renovando as directivas e reanudando as
actividades dentro do que as circunstancias permitían (547). Mellora a
organización central do P.G. dotándose dunha «Oficiña» ben
organizada por Víctor Casas e, o que é mais importante, «A Nosa
Terra» sae de novo a luz, ainda que visada pola censura, dempois de catro meses de
suspensión (548). Consideramos que o forzado eclipse do
órgano periodístico do P.G. fora a causa primordial da creba do
contacto entre os Grupos.
Por estas datas entrou nas Cortes un proxecto
de lei rebaixando considerablemente os dereitos de importación da sardiña portuguesa, que
competía coa galega perxudicante notablemente ó
sector pesqueiro. A protesta que se suscita frente a aquela «agresión do centralismo» é mínima e o P.G. laiase da
mansedume dos galegos (549). A pesares delo en Vigo celebrouse unha
asamblea de pescadores e entidades económicas, na que tivo un gran
protagonismo Paz Andrade, resolvéndose opoñerse a desgravación
arancelaria da sardiña portuguesa (550).
En marzo de 1935 os feixistas celebran un
mitin en Vilagarcía onde o P.G. tiña considerable implantación e
aproveitan para atacar verbalmente os galeguistas (entre outros),
decindo deles que constituían un perigo de separatismo especialmente
na Universidade, por estar supostamente controlada por eles (551).
O P.G. participa en múltiples actos dos
partidos republicanos, establecendo con eles unhas relacións moi
cordiais, pero as negociacións eternizábanse. Estas artellábanse a un doble nível: dunha banda cos republicanos galegos, baixo fórmulas
limitadas ó interés de Galicia, lográndose redactar coas da provincia de Pontevedra
un proxecto de Bases, ó que xa aludimos;
doutra banda co Comité Nacional de I.R., quén no mes de agosto de 1934
comunicara ó P.G. que o acordo quedaba virtualmente establecido sobor
dos puntos propostos polos galeguistas. Porén, as negociacións
continuaban co propósito de chegar a un programa común de goberno (552), e os acontecementos de Outono demoraron ainda máis o
proceso. En abril de 1935, I.R. contesta ás propostas que o P.G. lle
plantexara, pero os galeguistas non consideran completamente
satisfactorias as ofertas do partido azañista encol da propaganda do
Estatuto (553); querían, ademais, que nos actos de I.R. se mencionase a
Galicia sempre que se aludise a Euzkadi e Cataluña, que se protexeran os
intereses específicos de Galicia sen supeditalos ós «criterios
nacionais»; que na educación básica se empregase o idioma
materno, e que en suma I.R. asumise boa parte do programa do P.G. Como
a pesares do ánimo reciprocamente unitario, as diferencias eran
sensibles, as negociacións proseguirán nos restantes meses de 1975 sen
chegar a un acordo satisfactorio para ambalas duas partes.
Rodolfo Montesinos expresou moi ben as diferencias de enfoque que
arredaban ó P.G. de I.R., cando nunha asamblea provincial desta última
organización manifestou, dempois de declara-Ia inclinación de I.R. a
aliarse co P.G. e cos socialistas, que o P.G. e I.R.: «son duas
institucións en corpo e unha sola en esprito. Cecais a única
diferencia consista en que nós ollamos máis a Hespaña que a Galicia e
eles máis a Galicia que a Hespaña» (554). Había tamén outra
cuestión. I.R. era claramente partidaria da alianza cos socialistas,
pero o P.G. non tanto. En efecto, se ben algúns membros da ala
esquerdista do P.G. alédanse do éxito do Frente Popular en Francia e
apuntan que outro tanto se podería facer en Galicia (555),
non tendo
reparos en permiti-Ia presencia de oradores socialistas en mitins
republicanos nos que participan, (polo demais interesáballes que os
socialistas apoiasen a causa autonómica), en realidade non poden
plantexar a alianza cunha forza marxista e ademais crecentemente
radicalizada sen comprometer con elo a unidade do propio P.G., é
dicir, o integracionismo do partido que teimaban en manter a toda costa.
Por iso non se levan a cabo conversas cos socialistas e, nalgunha
ocasión, deixase traslucir que o que pretenden deles é que se limiten
a apoiar, a título de comparsas, a coalición republicano-galeguista.
Vide se non: «O que urxe é artigoar o movimento conxunto de
galeguistas e republicáns, que as Agrupacións Obreiras e Sociedades
Agrarias deben secundar se teñen instinto de conservación» (556).
En abril a primordial expectativa do P.G. é a
celebración da sua IV Asamblea, convocada en Santiago para os días 20 e
21. A dirección do P.G. desexa que resulte totalmente representativa e
democrática, e a este efecto exhorta repetidas vegadas ós Grupos para
que celebrasen previamente xuntanzas nas que deberían discuti-lo orde
do dia, e acordar propostas. Despois da semiparalización do partido
tras da revolución de outono a preocupación central da dirección
estribaba en que o congreso constituise unha demostración de forza, con vistas o cal instaba ós Grupos a que non se limitasen a enviar
delegados, debendo procurar, ademais, aportar o maior continxente posible
de afiliados, os cales, por suposto, non terían voto. Pero xuntamente
con isto, preocupaba tamen a preservación da unidade do partido, cada
vegada máis difícil de manter. De feito, dende distintas tribunas
públicas agoirabase a inevitabilidade da escisión. Constituiu todo un
síntoma que cando Juan Carballeira teimou novamente na comenencia da
escisión, os representantes da ala conservadora non lle saisen ó paso,
como fixeran en maio de 1933 (557). Estaba claro que os homes de dereitas do
P.G. atopábanse cada vegada máis incómodos coa postura esquerdista
oficial. Por elo Bóveda nas instruccións que dicta ós Grupos de cara
a preparación do Congreso (558)
revela unha preocupación extremada por
conquerir que a postura minoritaria de dereitas tivera opción a
manifestarse con enteira libertade, para non crearlle motivos
suplementarios de descontento. Reunidos numerosos asambleistas ás 8 da
noite do sábado 20 de abril, no local da «Sociedad Económica de
Amigos dal País», en Santiago, celebrouse a IV Asamblea (559),
Asisten tamén delegados de Galeuzca. O máis destacado foi a proposta
de ampliación do programa laboral (obreiro) e a polémica sobor de si o
P.G. debía continuar coa sua política de alianza coa esquerda ou ben
actuar ailladamente. Por parte do sector de dereitas levaron o peso do
debate Iglesia Alvariño, que pideu libertade para votar con arreglo a
sua conciencia en caso de eleccións, Sesto de Pontevedra, que discrepou
coa actuación do Comité do P.G., o tamén pontevedrés Caramés, e
Otero Pedrayo quen, no nome dun sector do Grupo de Ourense, propuxo que
o P.G. se declarara antimarxista, paro tivo a ben declarar que fose cal
fose a resolución da Asamblea, él continuaría no P.G. Por Santiago,
Mosquera tirou a colación unha proposta minoritaria na que se
preconizaba a creación dunha forza política galega de dereitas e
republicana, arredada das dereitas españolas. O resultar derrotada
manifestou que continuaría dentro do P.G. acatando a sua disciplina.
Risco non aisistiu e Filgueira non considerou oportuno entrar en
polémica. Castelao e Bóveda non compareceron tampouco, por razóns
obvias, e pola banda da corrente de esquerdas, claramente maioritaria,
Suárez Picallo, Carballo Calero, Alvarez Gallego e Seoane (560)
sobrancean polas suas intervencións. O cabo, sae novamente elexida a anterior
dirección, incluídos Bóveda e Castelao, que a pesares da dificultade
rectora que comportaba a distancia xeográfica, foron ratificados nos
seus postos de Segredario de Organización e Político respectivamente.
Cabe destacar asimesmo a actitude adoptada por Otero Pedrayo que, en
proba da sua vontade de permanencia no partido, aceptou que os Grupos da
zona de Ourense o elexiran Conselleiro (561). Aprobouse unha proposta
solicitando amnistía, quedou aberta a posibilidade de amplia-lo programa
fundacional, que foi revisado, houbo tamén unha declaración de
oposición a revisión constitucional pretendida polas dereitas (e que
no tema relixioso tanto arelaba ala dereita do P.G.), e un
pronunciamento a prol da alianza cos partidos republicanos de esquerda,
precisando para tranquilizar á dereita, que era unha táctica meramente
circunstancial. O remate, Núñez Bua creu comenente aludir á necesidade
de preserva-Ia unidade do partido. Polo menos evitouse a ruptura
espectacular entre os dous sectores como pregoaban os agoreiros, e
Bóveda, o editorial de A.N.T. (562)
e Alvarez Gallego, valoraron
publicamente isto como un gran triunfo.
En maio a publicación galeguista «Ser» reproduce
un artigo
de Blanco Amor, ainda estando en discrepancia con él, pola categoría
que tiña (563). Na sua brillante crítica, Eduardo Blanco Amor tacha de
centralista a Casares Quiroga (564),
recoñece que a decisión do P.G. de
coaligarse coa esquerda foi adoptada moi democraticamente, pero cre que
con ela saia gañadora a esquerda e perdedor o galeguismo.
O 12 de abril anúnciase a fusión dos partidos
de Azaña, Martínez
Barrio e Sánchez Román, e por estas datas Portela Valladares accede a
carteira de gobernación, nun goberno no que Gil Robles non tarda en ser
ministro da Guerra. Con anterioridade a novembro de 1933 Portela
Valladares mantivera relacións moi cordiais co P.G., valorando éste a
sua actitude autonomista e o bó coñecimento dos problemas de Galicia
que deixara quedar patente no seu libro «ante el Estatuto» (565). Pero dempóis as relacións enfriaronse, do que foi todo
un síntoma o abandono de Alvarez Gallego da redacción de «El Pueblo
Gallego» (no que facía os editoriais) por discrepancias
ideolóxicas, actitude secundada pola maior parte das principais plumas
do P.G. que denantes colaboraban asiduamente. «A Nosa Terra»
escomenza a atacalo con certa crudeza, tildandoo de oportunista, porque
sendo como era masón, colaboraba no mesmo goberno co «xesuita» Gil Robles, e decíndose autonomista contemporizaba
co tradicional nemigo das autonomías, Royo Vilanova (566). Ademais,
consentira dende o seu posto de ministro de Gobernación, que o
gobernador de Pontevedra prohibise que figurara a bandeira galega na
manifestación republicana celebrada en Vilagarcía para conmerorar o 14
de abril (567). Estas censuras non eran compartidas por Castelao que nunha
carta que lle escribe a Bóveda na que ademais alude ós dificiles
equilibrios que debían facer para manter aunados no P.G. a católicos
e laicistas (568) razona que por prudencia non era axeitado excederse nas
censuras a Portela que soian ir acompañadas de ironías e ataques
personais, non fora que máis adiante se viran obrigados a ter tratos
con él, como sucedera con Casares. Do que non se priva Castelao é de
por a Lerroux (que recibía por aquelas datas homenaxes) como «chupa de dómine», como o arnosa
nunha caricatura na que o
disfraza de bandoleiro mexicano, profusamente distribuida entre os
deputados (569). Tamén na sua condición de Segredario Político,
Castelao, preocupado pola pureza democrática, insta ós Grupos a que
revisaran o Censo electoral, para que non tivera erros nin omisións (570).
En maio ainda seguían abríndose locais de
Grupos do P.G. que foran sancionados (como o de Asados, en Rianxo), e
pouco a pouco «van despertando e facendo cousas» (571); A.N.T.
continuaba a ser intervida pola censura e estaba prohibida a
circulación do periódico da «Federación de Sociedades Agrarias y
Culturales» da República Arxentina, «Galicia» (572). O
Grupo de Ferrol pide ós concellais de I.R. que xestionasen a
reposición da bandeira galega no Concello, cousa que se aviñeron a
facer con resultado positivo (573). Como fixera o ano pasado, tamén en
1935 o P.G. celebra o 14 de abril, ademais da efemérides dos «mártires de Carral», que se conmemoraba o 26 de abril.
Participa en múltiples actos en colaboración principalmente con I.R.,
U.R. e federais, pero tamén cos agrarios e en menor medida coas forzas
obreiras. De todos eles, o que revestiu maior trascendencia foi o mitin
de Pontevedra. Na glosa que A.N.T. fixo do acto (574), á hora de aludir ó
representante da federación obreiro-agraria (de inspiración
comunista), Barbado, limitouse a dicir que tratou cuestións alleas á
finalidade do acto. Como conclusións, os oradores, pediron o
restablecemento das garantías constitucionais, a abolición da censura
previa, amnistía, devolución a Cataluña da sua autonomía e concesión
de Estatutos ás demais rexións; tamén a non aprobación dos tratados
comerciais perxudicais para Galicia, e a reposición nos seus destinos
de Castelao, Bóveda e Varela Rendueles. O remate do acto unha
manifestación levou estas peticións (que tamén se formularon noutros
actos, como o de Vigo) ó gobernador civil. Resultou, noustante, que o
extremismo con que se conduciron especialmente os comunistas (que deron
vivas a revolución social, etc.) provocou gran malestar nos homes de
dereitas do P.G., a tal punto que, segundo lle informa Alvarez Limeses
nunha carta a Bóveda (575), deciden non continuar por máis tempo no
P.G. O inestable e difícil equilíbrio mantido deica este momento,
crebouse. De pouco serviron as instruccións cursadas por Bóveda para
que non se repetisen casos como o de Pontevedra, debendo evita-los
galeguistas prestarse a facelle o xogo a xentes que querían
aproveitarse de actos «de concentración republicán [...] para
dar notas discordantes e combatir as esencias da República.» (576).
Dende Cádiz, Bóveda envía artigos á prensa,
polemizando con tirios e troians. Co gallo da exposición da sua coñecida
tese da inxusticia fiscal que padecía Galicia (segundo él pagaba ó fisco 135 millóns e recibía 125), dende as páxinas de «El Faro
de Vigo» alguén que firma co pseudónimo de "Minimo",
saelle ó paso argüindo que a diferencia era pequena (577).
Nos meses de xuño e xullo de 1935 o P.G. tenta
de activa-la sua propaganda, celebrando alguns mitins só e outros coas
forzas republicanas e agrarios (578). Neles ataca á dereita e
mailos radicais
(579) e,
ó propio tempo, segue a amosar a sua solidaridade co goberno da
Xeneralidade presos (580). Con «Izquierda Republicana» continuaba
o enguedellado rigodón de negociacións interminables, pesia o cal
nalgunhas localidades vanse establecendo alianzas que non se limitan ós
galeguistas e republicanos, abranguendo tamén as forzas obreiras. Tal
sucede en Sada e Lalín, onde se forxan bloques antifeixistas en base a
un programa moderado que comprendía a amnistía, o restablecemento das
libertades, antifeixismo, autonomía e certas melloras populares (581). Na
xuntanza xeral que celebra o Grupo galeguista de Rianxo en xullo de
1935, estaban presentes representantes dos partidos republicanos de
esquerda e obreiros (582) . Estes feitos, con seren aillados e máis ben
excepcionais, contribuían a facer medrar os degaros escisionistas dos
galeguistas conservadores que non se marcharan xa, como fixeran os de
Pontevedra. Os mitins que celebra o P.G. non son moitos porque en boa
parte do mes de xuño o Goberno limita a propaganda política,
prohibíndolle os que pensaba dar nas provincias de Lugo e Coruña (583).
Observa o P.G. con preocupación que nos mitins dos partidos
republicanos esguellábanse os problemas de Galicia, polo que
considerase no caso de advertirlles dende «ANT» que se
anceiaban convertirse en aliados dos galeguistas debían dar a coñecer ó
pobo galego cal era a sua posición ante as futuras reivindicacións
políticas e económicas de Galicia (584). No mes de xullo sobrancean duas
cuestións. En primeiro lugar o relanzamento da autonomía. O «Partido Sindicalista» declara nunha comunicación dirixida ó
bloque de esquerdas de Santiago, a sua disposición a labourar a prol do
Estatuto (585), e o «Comité Central de Autonomía» estructúrase
a nivel provincial (ainda que criticaba a división provincial, plegase
noustante a ela por operatividade) con miras a lanzar unha campaña de
propaganda autonómica de cara ó plebiscito, que se pensaba realizar en
setembro (586). O P.G. colabora con gran entusiasmo, e entrega dez mil
pesetas para contribuir a sufraga-los gastos da campaña (587). A segunda
cuestión que compre salientar no mes de xullo é a celebración do Día
de Galicia, tamén chamado «Día da Patria», «Festa
Nacional da Patria Galega», «Día de Sant-lago» e «Festa do Santo Patrón»
(588). En numerosas vilas os Grupos organizan festas enxebres
(589), tendo particular esplendor os actos habidos
na Coruña e Santiago. Na cidade herculina o alcalde dictou un bando
bilingüe, e tivo lugar, o 25 pola mañá, un acto nacionalista diante do
moimento a Curros Enriquez, que contou coa presencia dunhas cinco mil
persoas, segundo o P.G. (590), en tanto que en Santiago celebrouse con
gran
éxito o Mitin das Arengas, pero non a tradicional procesión cívica
ata a estatua de Rosalía, por prohibición gubernativa. Cabe tamén
consignar a tentativa da CEDA de contrarresta-la significación
galeguista do 25 de xullo, por medio dun acto a prol da unidade de España
(591). En ambalas duas cidades as Mocedades espallaron follas en
galego, moitas entidades e particulares penduraron a bandeira galega, e
pola radio, nos cafés, cines e paseos interpretouse abondosa música
galega. Polo demais, varios xornais publicaron números extraorinarios
adicados ó día, con artigos en galego, os galeguistas vendaron libros
galegos, e en Vigo e Monforte celebraron sendos banquetes ós que
asistiron representantes dos partidos republicanos (592).
A mediar agosto de 1935 o Consello do P.G.
acordou poñerse en contacto coa dirección de I.R. para coñece-lo
programa de goberno que estaban a prepara-los representantes dos
partidos republicanos, especialmente no que gardaba relación con
Galicia e afectaba ás bases de colaboración que estaban rematandose de
negociar entre o P.G. e I.R. (593). Claro que a afirmación de que estas
negociacions estaban a piques de rematar estaba inspirada nun optimismo
desmedido, xa que a fins de novembro as conversas continuaban (594), e como
veremos non morrería aí o conto. Agora ben, elo non impediu unha
actuación conxunta en actos de propaganda, con algunha que outra
prohibición, máis ben esporádica (595), e certas limitacións
gubernativas en determinados momentos (596);
así, en Lalín
(597), Sada,
Páramo (598), Xove, Vilagarcía
(599), Ponteareas (600)
e algúns outros lugares
da provincia de Pontevedra, soben a tribuna oradores de ambolos dous
partidos, ós que ocasionalmente súmanse representantes doutras forzas,
ben republicanas, agrarias, e mesmo tamén do Partido Socialista. A
propaganda do P.G. incide sobor dos seguintes aspectos: disolución das
Cortes, intanxibilidade da Constitución, amnistía, reconquista da
República, estatutos autonómicos, revisión da política de Tratados,
anulación das disposicións que dificultaban o tráfico por carretera,
foros, patrimonio familiar, repoboación forestal, reforma constributiva
e medidas que defenderan os pescadores galegos da explotación polos
intermediarios. Especialmente este punto derradeiro supuña un sesgo
radical no que viña sendo a sua tradicional orientación (601).
Sintomáticamente non era o P.G., senón I.R., quen solicitaba a
alianza coas forzas proletarias (602). O balance desta actividade, ademais
da que o P.G. realiza paralelamente pola sua conta, resulta optimista
tanto pola nutrida asistencia ós mitins como polo visible segundo o
P.G. recobramento do fervor popular. O propio P.G., que en novembro de
1935 escomenzaba a ser un partido bastante numeroso, dicía que
encetaba a ser popular «porque soupo asociarse á causa dos
humildes.» (603). No último semestre do 1935, asistimos a
un proceso
de confraternización do P.G. con I.R. Non era só que Azaña continuaba
sendo un mito para os galeguistas (604)
senon que... ¡ata falan ben de
Casares Quiroga! (605) e, para máis, Castelao faise íntimo amigo do
Osorio Tafall. Froito destas relacións foi un manifesto suscrito por
senlleiras figuras da política e da intelectualidade española (Clarín,
Albornoz, Azaña, Besteiro, González López, Casares Quiroga, etc),
aparecido na prensa de Madrid, instando ás entidades culturais de
Galicia a que organizasen un homenaxe a Castelao como desagravio polo
atropello do desterro (606).
No ámbito estatal, a fins de 1935 voltamos a
asistir novamente a unha redición da tentativa que se levara a cabo nas
postrimerías do primeiro bienio, consistente en crear un frente
autonomista en base ós partidos nacionalistas e autonomistas dos
diferentes pobos de España. O obxetivo era promove-Ia creación, no
próximo Parlamento, dun bloque de deputados que apoiase a concesión de
Estatutos autonómicos, do decreto de bilingüismo, e en suma a: «transformación de toda a política centralista»
(607). A idea
de crear un frente autonomista peninsular: «que devolva ás
nacionalidades oprimidas a súa autonomía» (608),
lanzana Castelao e
o valencianista Marco Miranda. O presidente de «Estado
Aragonés» Gaspar Torrente, estaba dacordo con esta idea pero
lanzana Castelao e o valencianista Marco Miranda. O presidente de «Estado Aragonés» Gaspar Torrente, estaba dacordo con esta
idea pero preconizaba a sua extensión a absolutamente tódalas terras
de España que él consideraba como nacionalidades. Situaba neste
repertorio, además das tres nacionalidades «clásicas», a
Valencia, Castela, Andalucía, Aragón, Asturias e territorios
insulares. Por ahí escomenzaban as discrepancias, porque se ben o P.G.
respetaba os degoiros autonómicos destes pobos, non os consideraba como
nacionalidades do mesmo xeito que a Galicia, Euzkadi e Cataluña (609). No
nome da dirección do «Partido de Esquerra Valenciana»,
Paulino Cubells entrevístase con representantes do P.G., para xestionar
o seu apoio ó devandito proxecto, facendo outro tanto cos demais
partidos autonomistas das diferentes comunidades hispánicas (610). O
Comité Executivo do P.G. acepta participar nunha asamblea de forzas
autonomistas de Valencia, Cataluña, Vascongadas e Galicia (611)
e cruza
unha serie de cartas con Companys e mailos nacionalistas vascos de cara
á formación do Frente autonomista e federal. Nestas negociacións
participaba tamén o «Partido Republicano Federal de Izquierda
Gallega». Con este partido o P.G. mantivo sempre cordiais
relacións, froito das cales fora a alianza electoral de 1933 na provincia da
Coruña. Os federais sumábanse á conmemoración do Día de
Galicia, basicamente en Santiago, onde tiñan a sua primordial base de
implantación (fora sonado o discurso de tono moi galeguista pronunciado
por Carnero Valenzuela (612)), e os galeguistas facían sua a celebración
do cabodano da primeira República e de Pi y Margall, que promovían os
federais (613). De tódolos xeitos, xa dende agosto quedou claro que
existían puntos de diverxencia, que non sería nada fácil esguellar (614).
Polo demais, as correntes aliancistas discurrían como pararemos a
ver por outros vieiros e, ó cabo, todo quedou en declaracións de boas
intencións, como a que fixo o P.G. a fins de xaneiro de 1936, desexando
que no vindeiro Parlamento se fragoase unha estreita unión entre os
representantes dos partidos autonomistas de Valencia, Aragón e mailos
das tres nacionalidades (615).
Xa temos aludido a que o P.G. somentes saudaba
con enteira satisfacción un dos procesos de converxencia que se operan
ó traveso de 1935. Referímonos, claro está, ó das forzas republicanas,
coas que efectúa interminables negociacións percurando unha inserción
nelas en condicións favorables para o que considaraba que eran os
intereses de Galicia. Receaba, pola contra, da confluencia que
paralelamente levaban a cabo a meirande parte das organizacións e
partidos obreiros. Engadamos unha proba mais desta desconfianza. Víctor
Casas comentaba a fins de agosto de 1935 (616)
a serie de mitins de alianza
obreira que por España adiante celebraban dende había unha tempada
diversas forzas do obreirismo español (sic). Consideraba que tal unión
entranaba un perigo e culpaba ó cerrilismo do goberno de inducir
involuntariamente este proceso. A maior abondamento, repitamos que nos
actos de propaganda que efectúa o P.G., tanto só (617)
como con
republicanos e agrarios (618), fai votos pola unión dos republicanos
«auténticos», pero non alude para nada ás forzas
obreiras, das que, como xa dixemos, non pretendía outra cousa que non
fora o seu apoio á autonomía, pero sen que elo comportase a alianza con
elas. Somentes do sector marxista e de esquerda radical do P.G., pódese
pensar unha actitude distinta a este respecto. Pero os acontecementos viñeron terciados de tal xeito que o P.G. non tivo máis remedio que
entrar na coalicción republicano-obreira. En efecto, tras do outono de
1935, en que os escándalos financieros desarbolaron ó Partido
Radical, Alcalá Zamora decideu convocar novas eleccións parlamentarias
para o 16 de febreiro de 1936, antes que entrega-lo poder a un gabinete
puramente de dereitas presidido por Gil Robles (619). Ante esta crucial
expectativa, o 20 de nadal fórmase unha coalición entre o PSOE e I.R.,
que poucos dias despois, o 15 de xaneiro de 1936, amplíase a caseque
tódala gama de forzas de esquerda, que firman a plataforma electoral do
Frente Popular. Estando así as cousas, o P.G. decide aplazar para máis
adiante a sua V Asamblea, dado que os acontecementos demandaban rápidas
respostas e inxente activismo que dificilmente poderíase conciliar cos
preparativos dun congreso democrático no que compría tratar co
necesario acougo importantes cuestións; pero convoca, sin embargo,
unha Asamblea extraordinaria (a segunda deste tipo) en Santiago, a que
asistiría somentes un persoeiro por cada Grupo, coa cuestión
electoral como primordial tema no orde do día (620). Desta Asamblea
sairía
o acordo de vencellarse ó Frente Popular, pero non convén
precipita-los acontecementos cando ainda debemos aludir a algunhas
cuestións previas a ésta.
A actividade política do P.G. no segundo
semestre do ano 1935 e xaneiro de 1936, non se resume na propaganda que
leva a cabo conxuntamente con I.R. En efecto, con arreglo a un plan de
propaganda preestablecido realiza unha xeira de mitins comarcais nos que
tira a colación as inxusticias económicas cometidas polos gobernos do
segundo bienio, o silencio dos deputados por Galicia e maila «funesta laboura» que realizaban as corporacións oficiais
galegas (621). O tema da unión dos republicanos, caseque sempre, e o da
amnistía, as vegadas, eran tamén invocados polos oradores do P.G. que
escomenzan a campaña polas terras ferrolanas (622)
con algún que outro
contratempo (623).
O 4 de setembro de 1935 tivo lugar o IX
Congreso de Minorías Nacionais en Xenevra, e o P.G. non podendo enviar
como representante ó secretario de relacións exteriores, Plácido R.
Castro, tívose que conformar con remitir unha mensaxe do mesmo xeito
que fixera o ano anterior (624) na que criticaba o sistema electoral
español que lle privara de representación parlamentaria pesía obter
106.000 votos, e denunciaba a represión do bienio que lle afectara sen
que tivera participación ningunha no movimento revolucionario de outono
de 1934 (625). Cando neste mesmo mes de setembro produciuse a crise
gubernativa que se saldou coa saída de Portela Valladares do ministerio
de Gobernación, a valoración do P.G. encol de Portela foi ben outra, o
cal puña de manifesto que as indicacións de Castelao non foran feitas
en balde. Agora falan dél como «tope rexo e firme que a Ceda e o
seu xefe en persoa atoparon no seu crarísimo afán de acadar todol-os
resortes firmes e poderosos da gobernación do país» (626). Son, en
cambio, frecuentes as críticas a Cambó, tanto pola sua crencia na
accidentalidade das formas de goberno (627), como por prestarse por
oportunismo a formar parte do conglomerado político dereitista (628). O
P.G. descre completamente da tentativa dos deputados Blanco Rajoy, Gil
Casares e Gil Brandón de formar «un Partido Autonomista de
Dereitas», cometido á disciplina da CEDA (629), como tampouco fia
nin un chisco na operatividade dun grupo intitulado «Regionalista
gallego» ó frente do cal estaba «o cacique bugallista»
Blanco Espada, que se constituira no seo da minoría parlamentaria da CEDA
(630).
O P.G. atravesa por unha fase de intenso
espallamento organizativo, incrementando moito o número de Grupos e
Delegacións, creándose varios tamén na provincia lucense, onde era
menor o seu peso (631). Ó propio tempo reforzabase a disciplina de partido
até nunha localidade como a de Ourense onde o funcionamento orgánico
tiña certas notas de informalidade (632). Deste xeito,
cando o afiliado
Manuel Rivo Rodriguez aceptou un posto de xestor gubernativo en novembro
de 1935, o P.G. non dubidou en expulsalo (633).
En nadal de 1935 a crispación social tiña un trasunto claro na vehemente loita verbal que se desata, con virulentos
ataques recíprocos, entre os dous frentes antagónicos que se perfilan
con maior nitidez cada vegada. Calvo Sotelo arremete dende «El Faro
de Vigo» contra a unión dos marxistas cos separatistas (634), e non
perdía ocasión de declarar que se as dereitas gañaban as eleccións
vindeiras poñerían ós arredistas entre os que por suposto incluía
ó P.G.fora da lei, o tempo que preconizaba un frente único
antirrevolucionario e antiseparatista (635). Axitado, pois, o espantallo
arredista, os oradores galeguistas vense obrigados a repetir que o
galeguismo nada tiña que ver co arredismo (636), misturando esta operación
defensiva con outra de ataque á obra dos radicais e ás figuras ainda
relocintes de Gil Robles e Calvo Sotelo. O P.G. esforzábase por
resitualo carácter da contenda que se vivía por aquelas datas,
desbotando o plantexamento que esbozaban as dereitas de revolución
versus contrarrevolución; así, Bóveda, pola contra, sinalaba que a
verdadeira pugna establecíase entre os partidarios da Constitución e
maila República, e os que estaban en contra de ambalas duas (637).
A actuación de Portela Valladares ó frente do
gabinete encargado de velar pola celebración das eleccións de febreiro
que era xeral mereceu o alaudo dos historiadores pola sua
imparcialidade, do que é unha proba terminante a derrota da opción
centrista foi inicialmente recibida polo P.G. con moderada esperanza,
seguida de reticencia ó ver que non tomaba as medidas que dél agardaba
(638) , e rematando ó cabo absténdose de criticala entendendo
que non era despois de todo tan mala (639). De tódolos xeitos o P.G.
consideraba impracticable, por serodio, o intento portelista de
centra-la República (640).
Tamén nestes meses finais de 1935 o P.G. vese
enguedellado en polémicas con sectores afíns a sua ideoloxía. En
efecto, Constantino Sánchez Mosquera, que ainda non facía moito tempo
publicara varios artigos na revista que dirixía no Uruguai («Raza
Celta») censurando a orientación esquerdista do P.G. e
preconizando a creación dunha dereita galeguista, de visita por
Galicia, cambia de opinión e publica unha serie de artigos en «El Pueblo Gallego» nos que se pronunciaba polo nacemento
dun partido galeguista e liberal de centro.
Estes artigos, que eran obxetivamente
comenentes para a opción centrista propiciada por E.P.G., foron moi
lidos e comentados, motivo polo que os principais dirixentes do P.G.
(Bóveda, A. Vilar Ponte, Carballeira, etc.) aplicanse a rebatila súa
tese dende as plataformas públicas de A.N.T., E.P.G. e «Ser» (641). A polémica chegou a acadar notable acritude, tachando Mosquera ós
galeguistas de ofender a Castela e ós casteláns (referíndose as suas
campañas contra os trigueiros), e éstes a aquel de desinformado e
incoherente.
Dende outro frente, Otero Pedrayo, aproveitando á «Tribuna
Libre» que lle brinda A.N.T. critica ó: «entrambilicamento de
Política hespañola e Nacionalismo» (642)
que se estaba a producir.
Ata xullo de 1936 Otero Pedrayo non cesará de argumentar a prol da
recuperación da independencia política do P.G., o cal supuña afastarse
das forzas da esquerda estatal. A todo o anterior debemos engadi-las
polémicas co «Heraldo de Galicia» sobor das
responsabilidades do P.G. na inasunción da autonomía por parte das
dereitas (643) e outras cuestións derivadas da distinta posición
política de «H. de G.» e «A.N.T.»
En setembro de 1935 albíscanse perspectivas
máis positivas en orde ó plebiscito do Estatuto. Víctor Casas
propón que o P.G. acentúe a sua campaña de propaganda (cousa que fai)
poñendo nun plano preferente a autonomía, sen por elo esquencer os
demais problemas que tiñan plantexados os republicanos (644). Celebraba o P.G. que tódolos dirixentes republicanos
(Azaña, Albornoz, Gordón
Ordás, Marcelino Domingo, Martínez Barrio, Casares, etc.) reclamasen a
autonomía nos actos públicos nos que participaban (645). Por elo, o P.G.
establece como consigna do momento a de: «trunfo republicán e
plebiscito subseguinte do Estatuto» (646). Da propaganda de
sensibilización autonómica que efectúa o P.G. merece destacarse a
laboura de persuasión dirixida ós pequenos industriais galegos (por vía do exemplo dos industriais
chocolateiros (647)) explicándolles que co
Estatuto sairían economicamente favorecidos. Con desmedido optimismo,
sinalaba Víctor Casas que se estaba a producir unha insólita
efervescencia política, concorrindo a xente masiva e entusiasticamente
ós mitins de esquerda. A tenor deste espertar do republicanismo
podíase segundo él afirmar que endexamais houbera en Galicia
un
ambiente tan propicio para a autonomía (648). Voces máis obxetivas e
menos triunfalistas, como a de Agustín Baladrón (649),
precisan que non
era ouro todo o que relocía: na provincia de Ourense, concretamente,
existía pouco clima autonómico dado que o P.G. realizara nela moi escasa propagnda nos dous últimos anos, valeiro que soamente en parte
enchera o activismo desplegado polas Mocedades. Para perfilar mellor o
cadro da situación autonómica dende fins do vran de 1935 até o
escomenzo do inverno do ano seguinte, compre aludir á belixerancia
anti-estatutista de significados elementos das dereitas, que dende
periódicos como «El Faro de Vigo» e «El Compostelano»
escreben en contra da autonomía. Destacan os artigos de José Vidal
Lombau que, aproveitando a tribuna que lle ofrece a prensa santiaguesa,
leva a cabo el só toda unha campaña (650). Polo demais,
aparecen certos síntomas denotadores de que o tema da capitalidade rebrota novamente (651)
e o propio P.G. comenta que a maioría do persoal das institucións
locais do Estado, dende secretarios de Axuntamentos, a recaudadores,
xueces, alcaldes, pasando por médicos municipais e xestores dos
concellos, eran antiautonomistas (652). En novembro de 1935, fina Luis
Bello e o P.G. esquece, cun xesto de magnanimidade, un reticente artigo
que sobor do Estatuto galego publicara tempo atrás, e gávao na sua calidade de presidente da Comisión parlamentaria do Estatuto que
defendera o texto catalán, «como houbera defendido o noso»,
apostilla A.N.T., por ser un dos poucos intelectuais «que souperon
ceibarse da funesta influencia do españolismo oco das xentes de
Madrid» (653). Metidos xa nos primeiros dias de xaneiro de 1936,
A.N.T. reproduce un artigo publicado polo secretario da «Federación Agraria de Santiago» e membro do
«Comité
Central pro Autonomía», Ezequiel Rey Turnes, en «El Pueblo
Gallego», crebando unha lanza a prol dunha inmediata xuntanza do
devandito Comité que permanecía conxelado por entender que os tempos
escomenzaban a ser propicios para a plebiscitación do Estatuto, estando
como estaban virtualmente disoltas as Cortes conservadoras, e situado un
autonomista (Portela) na presidencia do Goberno (654).
Estaba meridianamente claro que do resultado
das eleccións de febreiro ía depender o futuro do Estatuto galego. Por
elo dende outono Bóveda plantexa a necesidade de preparar as
eleccións, que certeiramente pensaba que terían lugar proximamente,
discrepando así, de quen pensaban que antes produciríase un intento de
involución autoritaria (655). Ó mes seguinte Castelao envía unha
circular ós Grupos (656) recordándolles que estaba aberto o prazo de
rectificación do Censo electoral, e que compría que se ocuparan da
cuestión. En Pontevedra, o P.G., de común acordo con outros partidos
de esquerda, instalou no seu local unha oficina permanente para a
rectificación do Censo, pola que se facemos caso a A.N.T. (657)
desfilaban a cotío centos de persoas solicitando a sua inclusión, poñendose de manifesto as
anomalías censais. O 7 de xaneiro foron
disoltas as Cortes e convocáronse novas eleccións sen agotar o prazo
de 60 días que determinaba a Constitución, co cal os partidos dispuñan
dun tempo moi cativo para realizaren os seus traballos preliminares de
coordinación, conxunción, propaganda, etc. Os partidos de esquerdas
requiren ó Goberno para que dera garantías de neutralidade e procedera
a plasmalas nos feitos. O P.G. tiña especiais temores na provincia de
Pontevedra onde nomeáranse entre os novos xestores municipais elementos
procedentes da C.E.D.A., «Partido Agrario» (de Martínez de
Velasco) e mesmo directivos do «Bloque Nacional Monárquico» (658). Compría non perder tempo e Bóveda
urxe ós Grupos a que
acelerasen os preparativos electorais (659), creando a este efecto
comisións especiais nas que debían colaborar tódolos afiliados. Pero
estaban a 10 de xaneiro e ainda non se sabía con certidume se o P.G. se
integraría na coalición do Frente Popular. Compre dicir que fora
invitado a sumarse ó Frente Popular, pero otorgándolle menos postos
nas listas dos que coidaba merecer; de tódolos xeitos, a nivel de
base, representantes galeguistas figuraban nos distintos comités do
F.P. A postura oficial debería determinarse na Asamblea extraordinaria
convocada para o día 15 de xaneiro, pero unha semana antes A.N.T.
publica un editorial (660) que permitía presaxiar o que sucedería nela.
O editorial valoraba positivamente as bases programáticas do Frente
Popular, as que consideraba perfectamente constitucionais e carentes das
veleidades socializantes que se dicía que terían, ollando nelo a
transixencia das forzas obreiras. Creía, noustante, que unha parte do
programa socio-económico non era aplicable en Galicia, por non darse
nela o tipo de problemas que contemplaba, pero a parte restante
resultaba, ó seu ver, moi proveitosa. Celebraba especialmente a boa
disposición verbo das autonomías, o cal supuña incorporar ás
oganizacións obreiras á defensa do Estatuto.
Nos vísporas da celebración da II Asamblea
extraordinaria do P.G. existía unha mal disimulada expectación. «El Ideal Gallego»,
«El Compostelano» e outros
xornais aventuraban xuicios encol dos posibles resultados, dispensando
de tódolos xeitos un tratamento respetuoso ó P.G. (661)
«E.P.G.» aproveita para manifestar novamente o seu
distanciamento do P.G., adicándolle unha nota por demais breve (662). O
clima que se vivía en Santiago o fin de semana no que se reuniron os
delegados do P.G. era de gran alporizamento. O sábado estudiantes
feixistas provocaron incidentes cos galeguistas penetrando na
Universidade dando vivas a España e morras ó separatismo. Chegou a
haber enfrentamentos físicos (663), nos que ó parecer interveu tamén
Suarez Picallo, polo que foi detido e conducido á Comisaría. Para o día seguinte estaba convocado un mitin antifeixista, no que
falaría Del
Riego pola «Mocedade Galeguista» (664). A Asamblea celebrouse
en
servicio de vixilancia na porta de entrada como medida precautoria
ante unha non descartable irrupción dos feixistas. Elexida unha Mesa
presidida por Carballo Calero, e composta por Xosé Teixeiro, Anxel
Fole, Ramón Piñeiro, Francisco Barreiro e Luis Poza, procedeuse a ler o
informe presentado polo Comité Executivo, que foi aprobado. Neste
informe facíase referencia ás negociacións con I. R. que ainda non
chegaran a callar nun compromiso, cando o P.G. recibira o ofrecemento de
formar parte do Frente Popular, entablándose negociacións que toparon
co atranco da proporcionalidade entre os candidatos que formarían as
listas do F.P. O P.G. resultáballe inaceptable, dada a sua forza
comparativa, que soamente se lle asignaran tres postos, cando I.R. tiña
15, os socialistas 10, os comunistas 2, Unión Republicana 7 e os
agrarios 1. Ante a intransixencia do F.P. na cuestión dos candidatos,
xorden propostas de que os galeguistas comparezan sós as eleccións, ou
en coalición co Partido de Centro, de Portela, opción esta última
preconizada polo Grupo de Vigo. O cabo, acéptase a tese esquerdista que
habelenciosamente se presenta como unha proposta de síntese: nas
circunscripcións nas que o F.P. concedera o P.G. os postos que o
Comité Executivo consideraba xustos, participaría na candidatura do
F.P. Agora ben, no suposto caso de que nalgunha circunscripción o F.P.
chegara a un entendemento coas forzas gubernamentais de centro, o P.G.
entraría nesa coalición sempre que se lle concedera un número de
postos acetable. Únicamente na indicada circunstancia aliaríase o P.G.
cos elementos ministeriais, o que conlevaba, desbotar implicitamente o
coalición P.G.Centro en exclusiva, como pretendían os afiliados
vigueses. Caso de que non se deran os requisitos anteriores, o Comité
Executivo quedaba facultado para optar entre presentar unha candidatura
aillada do P.G., ou absterse. Neste punto, Bóveda dirixíuse á
Asamblea, no nome do Comité Executivo, tentando infructuosamente de
imprimirlle un sesgo moi distinto do acordado. Abogaba porque o P.G. se
pronunciase por unha solución de centro-esquerda. Na sua intervención
dou lectura a un proxecto de Manifesto que con previsora sagacidade
recollía os acordos adoptados pola Asamblea, pero estorcegándoos de
xeito que viñan a resultar de centro-esquerda, o cal non sintonizaba
como se fixo patente co maioritario sentir dos delegados presentes na
Asamblea que se inclinaban abertamente por unha solución completamente
de esquerdas. Concretamente a proposta de Bóveda (665)
consistía en
que o P. G. exhortase ós demais partidos susceptibles de alianza, a
formaren un Frente Galego de Centro-Esquerda, en aras do consecución
do cal o P.G. manifestaría, chegado o caso, que renunciaría ós postos
que lle poidesen corresponder con tal de que os partidos coaligados
prometeran firmemente que sacarían adiante o Estatuto galego e que
defenderían as esencias da auténtica República. No plantexamento de
Bóveda contemplábase tamén a posibilidade de que non se fraguara tal
alianza, uníndose en tal caso o P.G. ó F.P., pero esixindo os postos
que en xusta proporcionalidade lle correspondían. A Asamblea recusou o
«matiz» centro-esquerdista propugnado por Bóveda e avalado
polo Comité Executivo, impoñendo o seu propio criterio que pasou a ser
asumido pola dirección, solventándose o dilema dun xeito democrático
e abraiantemente cordial. De tódolos xeitos non hai dúbida de que
constituiu a maior derrota política de Alexandre Bóveda. Derrota que
non impediu que saise proclamado candidato do partido, iso sí, en
cuarto lugar polo numero de votos obtidos, despois de Castelao, Picallo
e Anton Vilar Ponte, por este orde, e antes que Gomez Román, X. Alvarez
Gallego, Plácido R. Castro, Carballo Calero, Otero Pedrayo, Paz
Andrade, Manuel Peña Rey e Xosé Nuñez Búa. Dos doce candidatos soamente cinco serían aceptados nas listas do F.P., incorporándose a
estas, por rigorosa ordenación democratica, os cinco primeiros.
Aprobouse tamén un plan electoral e a proposta
de que, de formarse unha coalición, a propaganda (preferentemente de
follas fixas e carteis) que se fixera conxuntamente, debería estar
redactada en bilingüe, incluindo sempre o tema autonómico.
Antes de que rematara a Asamblea, Bóveda
plantexa un problema disciplinario que compría resolver. Era o caso que
a prensa comentara que Paz Andrade e outros afiliados do P.G.
figurarían na candidatura gubernativa de centro; Bóveda pide
aclaracións e, caso de non ser estas satisfactorias, que se procedera
á expulsión fulminante (666). Paz Andrade non estaba presente para
clarexar a sua posición e, tras intervir Vilar Ponte, Víctor Casas e
Peña Rey para pedir que se obrara con prudencia, acourdouse facer
publica unha nota desmentindo a noticia de que afiliados ó P.G.
participarían na candidatura de Centro, e facendo saber que se algún
galeguista permitia que se incluise o seu nome nalgunha candidatura non
acordada polo P.G., sería dado de baixa automaticamente. Tras da
clausura chegou Castelao, que viña de facer xestións ante Portela para
que o Goberno enroitase por outros rumbos a política galega, sendo
recibido cunha ovación. Fala con gran emoción amosándose
premonitoriamente preocupado: «Galicia e a Republica atravesan un
intre de gravedade tal que non sabemos a onde nos pode conducir», e
comunica logo con «profundo door» (chorando, segundo outros testimuños) que o seu
intimo amigo Paz Andrade lle presentara a sua
baixa no P.G. (667).
Despois da Asamblea do P.G. puidose observar o
significativo silencio de varios diarios, que daban así un elocuente
testimuño do pouco agrado que lles producíu o pronunciamento
esquerdista dos galeguistas. Como contraste, a glosa de «Guieiro» foi positiva, e cordialmente critica a do
«Heraldo de Galicia» (668). Seguindo a orientación política de
formar coalición co F.P., o P.G. obterá un triunfo electoral que
abrirá o camiño cara a plebiscitación do Estatuto. A esta nova e breve
fase de relanzamento autonómico adicaremos un apartado, pero antes
convén que nos deteñamos a examina-Ia situación agraria e a cuestión
do ferrocarril, retomándoas no punto en que as deixamos no anterior
bienio.
NOTAS:
|